Mulleres e circunstancias

Crítica de «30 e tantos ósos» no Blog de crítica de espectáculos da Revista Galega de Teatro

CAMILO FRANCO

Todo ocorre dun xeito cruzado. Como se coherencia ou organización fosen marcas de orientación máis que sistemas. Pode ser que todo ocorra cun sentido, pero que nós o ignoremos. Nós que chamamos azar a todas as cousas das que ignoramos as causas. O azar como esa arañeira que nos exime de responsabilidade.

Trinta e tantos ósos está chea de argumentos cruzados. Unhas veces é un escrito de denuncia, outras é un manifesto retador e outras unha conversa só en apariencia frívola. Por veces quere ir a un teatro directo e, desde aí, salta a un territorio simbólico, carga as imaxes e a intención e traslada a obra e aos espectadores dun punto a outro sen estación intermedias.

A montaxe de Aporía pode conter un pouco de ansiedade por mostrar ata que punto esa combinación de linguaxes forman discurso e este discurso ten correspondencia coa confusión da contemporaneidade, coa manipulación das mensaxes e con que, por detrás de todo, hai sempre unha dúbida sobre o por que das cousas. Por que son, por que pasan.

Aporía tenta desde as diversas partes construír un retrato panorámico da circunstancia da muller, un retrato que non esquiva as complicacións e que non quer ser simplificador. En certo sentido, o retrato de conxunto é superior a algunhas dos fragmentos, como se a compañía tivese máis claro o que hai que contar que os xeitos particulares para chegar a ese discurso. Tamén porque algúns dos fragmentos tenden á fugarse cara aos límites do territorio sen saírse del. A dispersión, claro está, pode ser a un tempo causa ou consecuencia do retrato dos tempos.

No conxunto hai un retrato firme e sen concesións. Un retrato das circunstancias descrito con vehemencia e con coñecemento de causa. Un retrato de corpo enteiro cos seus pregues e os seus matices. Coa reivindicación e sen ganas de que alguén diga que todas as cousas suceden por azar.

Foto: Natasha Lelenco

+info:
http://rgtcritica.wordpress.com/tag/aporia-teatro/