María Roja ponlle corpo e voz á «non-danza» sustentábel de Jérôme Bel
M. Xestoso conversa coa artista galega para Nós Diario
María Roja encarna o revolucionario coreógrafo na peza biográfica na que reflexiona sobre a escena
O coreógrafo Jérôme Bel (París, 1964) é unha das figuras máis disruptivas e influentes da danza contemporánea internacional. Formado no Centre National de Danse Contemporaine de Angers, Bel fuxiu axiña dos virtuosismo técnicos para fundar o que a crítica denominou a «non-danza». Desde a súa primeira peza en 1994, nom donné par l’auteur, até fitos como The show must go on ou Cédric Andrieux, o seu traballo interrogouse sobre a identidade, a linguaxe e a propia ontoloxía do feito escénico.
Porén, o seu maior xiro produciuse en 2019: por unha fonda conciencia ecolóxica, Bel decidiu que nin el nin a súa compañía volverían viazar en avión. Esta decisión radical transformou o seu modo de produción, enviando protocolos e partituras a intérpretes locais por todo o mundo, como aconteceu coa súa peza homónima e autobiográfica, Jérôme Bel.
Esta proposta de «auto-bio-coreografía» chegou á Galiza este verán, primeiro na Bienal de Artes Vivas de Pontevedra a principios de xullo e, máis recentemente, o 24 dese mesmo mes na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. A encargada de encarnar a Bel no escenario foi a actriz e artista María Roja, quen, nunha conversa con Nós Diario, debullou as entrañas desta singular colaboración a distancia.
Segundo explica Roja, a peza nace da necesidade de Bel de seguir creando sen incrementar a súa pegada de carbono, tras sufrir unha crise persoal ao decatarse do impacto ambiental das súas xiras. A intérprete relata que o proceso de traballo foi unha sorte de transmisión de coñecemento. Bel non viaxa, pero envía un texto para ser traducido á lingua do lugar onde se representará a peza, unha partitura con indicacións abstractas e unha serie de vídeos que serven de referencia para o ton e o tempo da representación.
A artista afirma que interpretar a Bel supuxo un reto intelectual e emocional sen precedentes e destaca a honestidade coa que o coreógrafo se espalla ante o público: «Ás veces, as artistas da periferia que non gozamos dunha visibilidade internacional masiva, tendemos a idealizar estas figuras de referencia situándoas nun lugar privilexiado. Esquecemos que eles tamén atravesan etapas de dúbida, afrontan atrancos e sofren o abandono do público cando as súas propostas non son comprendidas».
Contradicións da escena
Neste sentido, Roja vese reflectida nas contradicións que Bel expón sobre o oficio. A peza narra o camiño dun artista que tivo que ter un grande arroxo para soster as súas ideas fronte á incomprensión inicial. «Ao longo da súa traxectoria, Bel experimentou a frustración de dedicar anos de traballo antes de que alguén considerase interesantes as súas propostas. No meu propio labor como actriz e creadora de arte de acción, identifícome plenamente con esa necesidade de perseveranza ante unha recepción que, a miúdo, debe situarse nun lugar pouco acostumado das artes escénicas galegas».
María Roja móstrase esperanzada pero cauta ante a precariedade persistente. Valora a apertura de novos espazos como a Bienal de Pontevedra ou a MIT de Ribadavia (e o traballo do colectivo RPM, o festival Plataforma, o congreso Fugas e interferencias organizado por Carlos Tejo…), que permiten que as artes vivas deixen de ser vistas como unha rareza para converterse nunha opción máis da oferta cultural.
A actriz confesa, en todo caso, o seu orgullo. «Sinto como un honor enorme poder encarnar unha figura que admiro desde hai anos, coñecer o seu proceso de traballo desde dentro, que se comunique comigo para preguntar que tal foi, poder ter ese diálogo super directo e natural con el… Estou aprendendo moito con eses retos que a min me interesan moito por iso de traballar co tempo tanxíbel como elemento en escena. Estou contentísima».
Porén, malia o éxito e a conexión estabelecida, o futuro deste espectáculo en terras galegas é incerto. María Roja conclúe a conversa cunha advertencia que soa a invitación formal para os axentes culturais: «En principio, a vida deste espectáculo na Galiza remata aquí, a menos que nun futuro algún programador ou institución teña interese en volver contar con ela e comigo para darlle voz de novo». Queda agora nas mans dos xestores decidir se o testemuño de Bel seguirá resoando nos nosos teatros ou se estas funcións de xullo foron unha miraxe pasaxeira nunha escena que aínda loita por consolidar as linguaxes contemporáneas.
Fotografía: Rosiña Rojo
Ler artigo en liña:
María Roja ponlle corpo e voz á «non-danza» sustentábel de Jérôme Bel

