O CCG analiza a evolución da ‘performance’ galega

Nós Diario

‘Sacar o corpo. A performance galega’, baixo a coordinación de Edu Valiña, busca achegarse á evolución desta disciplina con especial atención ao caso galego, da man de figuras de referencia nesta disciplina

A performance configúrase como un acto reivindicativo, poético e fondamente enraizado co contexto social e cultural do país, a través de artistas e grupos que utilizan a acción para cuestionar problemáticas sociais como o xénero ou as estruturas de poder. O salón de actos do Consello da Cultura Galega (CCG) acolleu onte un foro de reflexión sobre a arte de acción coa celebración da xornada ‘Sacar o corpo. A performance galega’.

Coa coordinación do historiador da arte e comisario Eduardo Valiña, o encontro reuniu creadoras, investigadoras e público interesado co obxectivo de trazar un mapa sobre a evolución histórica, a situación actual e os principais retos aos que se enfronta esta disciplina contemporánea na Galiza.

A sesión deu comezo cunha conferencia inaugural a cargo da artista e teórica madrileña Nieves Correa, quen achegou o contexto xeral e as claves conceptuais necesarias para comprender o desenvolvemento da arte de acción nas últimas décadas. A partir desa base teórica, o programa avanzou cara a unha análise centrada na realidade creativa do país.

As artistas e especialistas Ana Gesto, Andrea Mosquera Guerrero, Mónica Maneiro e María Roja tomaron a palabra para debater sobre o presente da performance galega. Durante as súas intervencións, abordaron cuestións fundamentais como a visibilidade das propostas escénicas non convencionais, a escaseza de circuítos estábeis de exhibición e a necesidade urxente de documentar e preservar unha arte baseada no efémero e na presenza física.

O remate da xornada chegou ás sete e media coa estrea da peza Prognóstico reservado. Esta acción foi concibida e interpretada especificamente para o evento por María Roja, contando coa colaboración doutras performers galegas, nunha proposta escénica que explorou a vulnerabilidade do corpo traballador e a súa dimensión política.

Fotografía: CCG

Ler artigo en liña:

O CCG analiza a evolución da ‘performance’ galega