Culturgal 2026
A Colectiva presentará o Catálogo de Artistas BEIRAL, con presenza da obra de María Roja
BEIRAL é o catálogo dixital que reúne e dá visibilidade á obra das artistas asociadas a A Colectiva, a Asociación Profesional de Artistas de Galicia. A iniciativa nace como un espazo de encontro e arquivo das prácticas artísticas contemporáneas no contexto galego, poñendo o foco na diversidade de linguaxes e procesos creativos.
As obras recompiladas xiran arredor de catro conceptos clave: corpo, territorio, memoria e afectos.
Trátase dunha publicación dixital con ISBN propio. Os seus textos preséntanse en galego, castelán e inglés para facilitar o acceso e a difusión do traballo das artistas fóra de Galicia.
O proxecto presentarase publicamente no marco do evento Culturgal coincidindo co décimo aniversario da asociación, tras abrir unha convocatoria específica para as súas socias.
A presentación terá lugar o vindeiro 27 de novembro ás 18h, no espazo «Arte».

