Non debe ser tan mal sitio
Santiago Pazos sobre «O Tolleito de Inishmaan»
SÍ, certo é que Galicia non debe ser tan mal sitio cando aos irlandeses lles senta tan ben a nosa retranca. E certo parece que, se nesta versión de “O tolleito de Inishmaan”, Cándido Pazó mudara tamén os referentes onomásticos e xeográficos, de Irlanda só quedaría o nome do autor. Non tanto pola falta de fidelidade co texto ou coa trama orixinal, como pola finura humorística empregada por Cándido para trasladar ao galego certos localismos cómicos irlandeses e pola luminosidade que emprega no resto de compoñentes escénicos. Todo iso sen necesidade de restarlle carga dramática aos acontecementos que se están a contar.
Quero insistir no tema da luminosidade porque antóllaseme que é o aspecto fundamental que marca a diferenza desta posta en escena con outras adaptacións de obras de Martin McDonagh que temos visto e que sempre puxeron o seu enfoque nun tenebrismo máis acorde, quizais, coa paisaxe e clima tanto irlandés coma galego. Sorpréndeme ver que nesta versión as negras brumas desaparecen do primeiro plano para pasar a ser simples referencias, coma as que se fan ás terribles tormentas ou o sempre bravío estado do mar.
Non axudan moito nesa empresa, todo hai que dicilo, uns decorados máis pobres que minimalistas, con un gran tabique de fondo e unha alfombra tan limpos e impecables que parecen novos do trinque. Sen embargo, agradécese o acompañamento musical que lle imprime axilidade e frescura a todo o que acontece enriba do escenario.
Agora ben, sen querer escatimarlle importancia algunha ao traballo do señor director, teño que dicir que se esta obra ten éxito, cousa que auguro e desexo sinceramente, vai ser fundamentalmente polo soberbio traballo interpretativo duns actores que son quen de dar vida e credibilidade a uns personaxes de características persoais tan determinantes e arquetípicas, definidas maxistralmente polo autor.
Penso que se me apuran, aínda que Cándido decidira facer unha montaxe totalmente minimalista, eses actores poderían interpretar os seus papeis no baleiro sen perder credibilidade. Fano ben en conxunto e destacan individualmente Evaristo Calvo, xenial, María Roja, activa e brillante, e un Santi Romay que fai bo ese dito de que “é máis importante un actor que saiba facer de tolleito que un tolleito de verdade que non saiba facer nada”.
Engadirei tres cousas máis para terminar: unha é que este autor, sendo especialista en describir e desenrolar situacións límite nas relacións persoais e sociais de pequenos grupos humanos desde un punto de vista case antropolóxico, parece estar máis interesado en cultivar un teatro de personaxes especificamente elaborado para que os actores poidan lucirse; outra é que, aínda sendo un tipo de teatro no que se tocan temas bastante universais e con certos paralelismos co carácter galego, non acabo de entender este empeño por convertelo no referente máis importante do teatro galego actual; e a terceira poderían ser un lote de preguntas que nos facemos acotío sobre se o teatro galego vai ou vén, se ten futuro e qué tipo de futuro ten, etc, etc, etc.
Pero prefiro deixar esas cuestións para outro momento, porque hoxe toca felicitar ao FIOT pola coprodución de traballos tan ben feitos como este e trasladarlle os parabéns a todos os compoñentes de Contraproducións.
+info:
http://santipazos-intrusosenlared.blogspot.com.es/2016/10/o-tolleito-de-inishmaan.html