A Marabunta
Blanco&Roja na Gala da Cultura contra a Violencia de Xénero
A peza PASAESCALABRA porá peche á programación da gala «A Marabunta», nunha revisión especial para o evento.
Esta performance de Blanco&Roja (Alba Blanco & María Roja), conta coa colaboración de Iria Azevedo, Anabell Gago, Atenea García, Mai Insua máis Marta Pérez como performers e de Ángel Sousa na asistencia técnica.
PASAESCALABRA é un xogo de palabras creado a partir da xuntanza do nome dun popular programa da televisión española co verbo escalabrar.
PASAESCALABRA é tamén o título dunha peza performativa que se inspira no formato dos concursos de palabras televisivos nos que un grupo de concursantes se enfrontan entre si a través de varias probas coa intención de optar a un premio de certo valor. A través desta estratexia, procúrase dar lugar a unha dinámica de participación colectiva entre o público e as accionistas que funciona a dous niveis: o propio do xogo que vehicula a acción, mediada pola performer presentadora, e as microaccións de carácter plástico-simbólico que desenvolven en paralelo as performers azafatas. A peza sérvese así dun envoltorio formal de aspecto lúdico e espectacular que, porén, agocha unha reflexión arredor do sexismo lingüístico, como escusa coa que deixar á vista algún dos modos nos que opera a violencia machista e o pouso de dor que esta é capaz de deitar nuns corpos á intemperie do azar, acubillados baixo uns teitos institucionais, educativos, laborais, xudiciais, de asistencia e de visibilización insuficientes.
PASAESCALABRA fai así mesmo fincapé no traballo coa comunidade, involucrando no elenco e como parte activa no proceso de creación a creadoras e activistas do ámbito galego máis a voluntarias de diferentes asociacións locais, todas elas vinculadas a través das súas prácticas específicas, coa problemática da violencia de xénero.