Estrea de «O Tolleito de Inishmaan»
Contraproducións presenta a súa nova montaxe, coprodución do FIOT
Podería ser unha aldea galega pero é unha pequena illa irlandesa. Anos 30. Personaxes curiosas, pintorescas, características… seres máis ou menos adorables, máis ou menos odiosos que, nun mundo física e humanamente isolado, viven as súas vidas cativas como poden e como saben. Entre eles un tolleito, un ser deforme, desfavorecido, que ten unha arela que para el semella extremadamente difícil: transcender ese ámbito cerrado que está obrigado a habitar; un eivado que persegue un soño que nel parece empresa imposible: ser amado e valorado como calquera outro.
O tolleito de Inishmaan é o novo espectáculo de Contraproducións, adaptado e dirixido por Cándido Pazó, a partir do texto de Martin Mc Donagh, The Cripple of Inishmaan. Conta no reparto con Santi Romay, Ana Santos, Evaristo Calvo, Susana Dans, Marcos Pereiro, María Roja, Ricardo de Barreiro e Luis Iglesia. A escenografía e o vestiario corren a cargo de Carlos Alonso, a iluminación é de Afonso Castro e a música asínaa Guillerme Fernández.
ESTREA:
14 de outubro (só para abonadxs) / 21 h / Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo
15 de outubro / 21h / Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo