Exercicios interpretativos de po(l)ética

Fabrice Corrons reflexiona sobre os espectáculos da 42 Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia

JÉRÔME BEL, de Jérôme Bel e María Roja &! JOSÉ AFONSO. AO VIVO NOS COLISEUS 1983 de Teatro Experimental do Porto.

Dúas obras que nos fan presenciar, aquí en Ribadavia un 24 de xullo de 2026, un acontecemento (concerto/conferencia) que, malia a súa notoriedade reforzada polo prestixio do seu creador, se atopa lonxe de nós. No espazo (Francia/ Portugal) e no tempo (2021/1983).
Dúas creacións en riguroso diferido cunha larga duración (dúas horas o pouco máis) que pretende conxurar aínda máis a irremediable distancia cós referentes.
Dúas encarnacións de corpos outros, os dos artistas, ou por decisión ecolóxica o por necesidade biográfica.
Dous exercicios de interpretación que fan do estrito directo da ausencia un exercicio de ética, política e poética: unha po(l)ética que habita outra tríade, constitutiva do feito diferencial do teatro: corpo, discurso, imaxe.

ÉTICA/CORPO:
Asumen o corpo dos actores como única solución:
-hiper-presenza de María Roja, case inmóbil, sentada detrás da mesa, xestionando a técnica da proxección e da luz, mantendo unha tensión hipnótica baseada na ollada permanente e a leve inclinación do peito cara adiante;
-multipresenza dos actores, que son tamén cantantes/músicos instrumentais, no escenario e entre o público (cunha presenza potencial prolongada polos numerosos micros en ámbalas partes).
Mediante esra presenza excesiva dos corpos, os espectáculos enraizan a relación dos espectadores nun presente que fuxe da decepción da copia ou da tentación da nostalxia. Por iso, na performance de J.Bel e M.Roja, a presentación e os datos de produción aparecen ao principio de todo: unha advertencia de que todo xa é unha copia autónoma. Por iso tamén, no concerto portugués, a canción de José Afonso tan esperada polo público, Grândola Vila Morena, que tería inmediatamente un efecto nostálxico, endexamais aparece durante a obra, soamente despois do aplauso final, e a modo de un karaoke sen os actores/músicos.
As obras piden así dar prioridade á dispoñibilidade dos corpos dos espectadores, a conciencia da co-presenza no presente, no hic et nunc.

POLÍTICA/DISCURSO:
Alén da politicidade da postura autoetnográfica (el diría autobiocoreogŕafico) do performer francés e da reflexión social entre pasado e presente portugués, o político tamén está na afirmación da irredutíbel individualidade dos actantes: Jérôme Bel busca que cada “persoartista” que actúa nas creacións, ata os que adoitan ser alienados, sexa co-autora da performance; na obra portuguesa, o concerto performativo propón unha coralidade difractada, onde cada ser ten a súa praza, ata cada “persoanima”.
Neste sentido, o persoal é aínda máis artístico é política.
E por esra razón, a elección de dúas mulleres para interpretar os dous protagonistas tamén é unha decisión política, moi acertada: feminismo coma actualización da reivindicacións.

POÉTICA/IMAXE:
A falta dos referentes influe finalmente na poética, que pasa polas imaxes.
JÉRÔME BEL insiste nas pantallas/interfaces coma forma ontolóxicamente poética de ollar e filtrar o mundo. Nesta conferencia, conectamos coas obras a través da cámara vídeo que, coma un ollo humano, guía a nosa ollada. E tamén acompáñanos a mirada retrospectiva de Jérôme Bel, á que accedemos a través da ollada de María Roja que nos mira. Dito doutro xeito, reproducimos durante esra performance o que foi o fundamento das artes vivas para Jérôme Bel dende o comezo: o cruce de miradas entre actantes e receptores.
En JOSÉ AFONSO. AO VIVO NOS COLISEUS 1983, a ausencia do pasado real da pé a fantasía dos animais humanos, que semellan estar sacados do videoclip Love is All de Roger Glover. As cancións acadan unha poetización pola imaxinación infantil que nos leva a filtrar ese referente dende unha mirada dos nenos que fomos daquela, en 1983. A imaxinación do futuro mediante un pasado resignificado.

Fotografía: Rosiña Rojo

Leer en línea:

Exercicios interpretativos de po(l)ética