maría roja
artista visual e performer

Licenciada en Belas Artes, Máster en Artes Escénicas e Titulada Superior en Arte Dramática, gusta de petiscar as artes plástico-visuais, a performance, a creación escénica e a danza.
As súas inquedanzas artísticas xiran arredor do corpo como contedor do íntimo á vez que arquitectura social e política, cun marcado interese nos seus procesos de apropiación, incorporación e transmisión do coñecemento inmaterial, así como na súa potencia como elemento subversivo e de resistencia.
Exhibiu o seu traballo en diferentes exposicións e festivais organizados en galerías, museos, teatros e espazos alternativos nacionais e internacionais. Foi co-fundadora dos colectivos de arte de acción áIntemperie, Ohn e Blanco&Roja e forma parte do Corpo Colectivo Transfronteirizo Límites.
Rostro habitual das táboas e a ficción televisiva galegas, no campo da interpretación é salientable o seu labor en compañías de artes escénicas de linguaxe posdramática así como a súa participación en producións audiovisuais de feitura experimental. Foi galardoada con tres premios María Casares á Mellor Actriz.
Actualmente compaxina o labor investigador no programa de doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea da Uvigo co traballo creativo nos eidos das artes visuais e escénicas.