Pódese calcular estar morta?
Crítica de “Sofía e as Postsocráticas”, por Diego Horschovski para El Salto Diario
Pódese calcular estar morta?
‘Sofía e as Postsocráticas’ é unha obra da compañía Inversa Teatro que reflexiona sobre a construción cultural da violencia machista e nos interpela sobre a nosa responsabilidade social ante o maltrato.
Se ben a concepción da inferioridade da muller respecto do home non naceu cos pensadores gregos da antigüedade, senón moitísimo tempo antes, o elemento novidoso daqueles filósofos clásicos foi o de elevar á categoría de razón a suposta inferioridade feminina, xustificando a desigualdade e dando lugar a unha violencia inaugural no comezo do que chamamos cultura grecolatina. Sofía e as Postsocráticas, dirixida por Marta Pérez, fala desa construción histórica partindo do máis profundo do noso kosmos, a Grecia Antiga, onde foi concebido o logos a partir do cal comezou a ser pensado e percibido o noso mundo occidental desde o prisma masculino, arbitrariamente establecido como universal.
A partir dos textos de creación colectiva entre a mesma directora, quen no escenario tamén interpreta a Platón, e as outras dúas actrices que completan o reparto, Silvia Penas na pel de Sócrates e María Roja no rol de Aristóteles, a obra ábrese paso por aquela construción cultural que deu lugar a máis de dous mil anos de violencia estrutural.
Estamos na Atenas do século V a.C. e as tres actrices que interpretan os pensadores clásicos afondan nas bases da dinámica do maltrato tentando descubrir un novo logos co cal poder reinterpretar a realidade.
Aqueles filósofos da antigüedade que buscaban a esencia das cousas, o archè da physis, ou que se preguntaban pola moral —sendo a visión masculina a medida de todas as cousas—, sentaron as bases racionais que xustificaron a asimétrica percepción dos xéneros. Que é o mundo? Qué é a natureza? Que é o ser? Preguntábase Sócrates nesa búsqueda das verdades universais. Preguntas que, se ben son inquedanzas propias de toda a especie humana, naquel universo grego da antigüedade só podían ser formuladas polos homes, dado que eles consideraban que as mulleres, por natureza, eran seres sen as capacidades intelectuais necesarias e suficientes como para poder participar da dinámica do pensamento.
Inestábeis, débiles, excesivamente emotivas… Así as analizou Aristóteles, ao igual que o resto de pensadores coetáneos das emblemáticas pòlis helenas, que consideraban ás mulleres do mesmo xeito que o estaxirita.
En Sofía e as Postsocráticas as tres protagonistas, a través de diálogos, xogos, e reflexións de toda índole, poñen de relevo o carácter patriarcal e as consecuencias daquelas fundamentacións racionais sobre a muller, que deron lugar á unha cosmovisión sexuada do social ao longo de toda a historia. Unha cosmovisión que sustentou o machismo, normalizando e perpetuando o menosprecio e o maltrato.
So sei que nada sei, exclama Sócrates na voz de Penas, poñendo voz femenina a unha das máis grandes sentencias da historia da filosofía e rachando, nun só acto verbal, coa arquitecura patriarcal do pensamento pretendidamente universal. Eles, cidadáns libres, racionais e varóns das ágoras, que estableceron as súas propias preferencias e intereses particulares como verdades absolutas e universais, impuxeron a súa parte masculina como o todo e lexitimaron a súa palabra por sobre a das mulleres, restrinxindo o área do coñecemento e facendo deste unha práctica netamente androcéntrica e sexista.
Na considerada por moitas como a Biblia do feminismo, O Segundo Sexo de Beauvoir, a filósofa francesa comenta: “Efectivamente, nos nosos días o home representa o positivo e o neutro, é dicir, o macho e o ser humano, mentres a muller é só o negativo, a femia. Cada vez que a muller se comporta como un ser humano, interprétase como que se identifica co varón”. Na mesma liña, o sociólogo —tamén francés— Pierre Bourdieu, que analizou o campo do social como conxunto de relacións de percepción e de recoñecemento, concluíu que se son os homes os que producen o coñecemento son eles os que dan forma ao mundo, os que seleccionan os enfoques das ciencias, e os que escriben os libros que lemos. Así, desde esa posición de poder, lexitimaron e impuxeron as súas preferencias e intereses masculinos como se fosen neutros.
Sen facelas explícitas, pero cunha magnífica habilidade para fiar as premisas, Sofía e as Postsocráticas percorre todas estas reflexións nas distintas situacións que se nos presentan en cada escena. Desde disertacións filosóficas, deporte, festividade e tradición, ata chegar tamén ás ausencias: as das voces das eternas esquecidas da historia. Das que habitaron un mundo que durante séculos, máis alá do ámbito do fogar, só as quixo como musas para os poetas ou como ninfas animadoras dos corpos e da natureza.
Enmascaradas e vestidas coas togas particulares da época clásica, as tres mulleres filósofas que protagonizan a obra disertan sobre o kosmos e sobre as ideas con moito humor e sen trivializar nin o momento histórico que representan, nin as consecuencias fatais daquela construción de xénero dos inicios da nosa cultura occidental.
Cun diálogo que ten moi claro o camiño que quere percorrer, o trío actoral viaxa nesa busqueda racional do por que das cousas evidenciando, á súa vez, aquela desigualdade normalizada e conectando a época antiga co noso presente, sen perder o obxectivo principal desta tríada de pensadoras. Dar con ese novo logos reinterpretativo da realidade na que elas tamén sexan parte do deseño do mundo e da vida teórica.
Na Política de Aristóteles, escrita entre o 384 e 322 a.C, o filósofo de Estaxira analizou as estruturas básicas que toda sociedade debía ter. No seu manuscrito estableceu que as mulleres, por ser supostamente máis emotivas, debían ocuparse do oikos —o ámbito doméstico— para coidar do fogar e da prole e que, ademáis, tiñan que ser gobernadas polos seus maridos que eran, segundo o pensador, máis racionáis e máis aptos para tal cometido por natureza.
Aquela fenda na organización do espazo social implicaba que elas quedaran fóra de diversas actividades públicas, sendo a filosofía unha delas. Foi así como as mulleres quedaron fóra das ciencias, desprazadas do saber, fóra dos interrogantes constitutivos da nosa civilización. Fóra do ser. Fóra das preguntas que fundamentaron as bases da nosa historia occidental.
Cunha escenografía a cargo de Monste Piñeiro, que nos sitúa nas ágoras atenienses, as tres actrices tentan buscar ese novo logos que permita reinterpretar a realidade. Sócrates (Penas) manda apuntar a Platón (Pérez) as ideas que se lle veñen á mente. Á súa vez, Platón manda apuntar ao seu discípulo Aristóteles (Roja) o que o primeiro lle está a dictar. Unha cadea metafísica na que o logos patriarcal se vai desmontando en favor da consecución da República feminista das iguais.
Preguntábase Parménides sobre o ser e o non ser, Pitágoras sobre a natureza dos números e das formas xeométricas, Platón sobre a Verdade e a Falsidade. Interrogantes que apelan á medida das cousas. Preguntábanse eles, os homes, que foron os que ocuparon as universidades, os corpos militares, a política, o comercio, e as artes, e que deseñaron non soamente os canons de beleza femininos, senón tamén os parámetros de xustiza absolutos. Que é o Ben e que é o Mal. Unha xustiza patriarcal, pretendidamente universal, que chegou ata a cultura actual na que segue a funcionar o blaming victim (a culpabilización da víctima).
Diego Horschovski
26 abr 2021
+info:
https://www.elsaltodiario.com/teatro/sofia-postsocraticas-calcular-estar-morta