O mito e o fracaso
Crítica de “O tolleito de Inishmaan” de Manuel Xestoso para a RGT
Irlanda non debe ser tan mal sitio cando unha morea de compañías galegas a escollen para situar nela as súas montaxes. De feito, Irlanda é o lugar ideal para falar de Galiza sen ter que mencionala. Aos galegos, en xeral, non lles gusta ser suxeito activo dun discurso identitario, aínda que saben recoñecer perfectamente a súa idiosincrasia. E non é disparatado pensar que falar de Irlanda é unha forma de autoafirmación, pero sen presumir. Sen significarse.
Os irlandeses, a xulgar polo que se describe na obra de Martin McDonagh, tampouco teñen un especial interese en significarse. Falan moito, mais nunca do que verdadeiramente importa. E exprésanse sempre de xeito oblicuo, como non querendo falar do que están falando; ou como querendo falar do que non falan. Quizais ese tamén é un sinal de identidade: un ao que obriga unha ocupación estranxeira de séculos.
O tolleito de Inishmaan é un drama protagonizado por personaxes de comedia, o cal tamén é unha forma de expresarse de xeito oblicuo. Como non querendo darlle importancia á traxedia, mais deixando que a albisquemos entre o grotesco da vida diaria. Eses personaxes parolan entre si cunha inocencia moi próxima á candidez, mais cun concepto de verdade altamente inseguro e variable. Os sucesos sempre contan con varias versións contraditorias entre si e, dependendo de cal escollamos, a verdade se manifestará heroica ou miserable.
En Inishmaan, calquera versión do mundo semella estar moldeada polo seu narrador, o cal nos leva ao terreo do mito. E o mito –talvez xunto coa retranca– é a forma máis antiga de expresarse de forma oblicua. Moverse entre mitos non parece unha mala opción cando o contexto é tan asfixiante coma o das illas Arán na década de 1930, cando Robert Flaherty filmou Man of Aran. Ese filme constitúe en si mesmo un mito irlandés e, claro, os personaxes desta obra encárganse de desmitificalo para substituílo por outros mitos máis familiares como o da emigración.
A historia dun tolleito adoptado de crianza por dúas mulleres solteiras despois de que os seus pais morresen en estrañas circunstancias amosa que o individual e o colectivo adoitan trenzarse de moitas maneiras. “Hai moitos tolleitos coma min, pero non se lles ve por fóra” di o protagonista aludindo a esa excentricidade que disimula a prostración na que se atopan os seus veciños e veciñas. Igual que o seu afervoamento por unha moza que o agride continuamente explica, de xeito oblicuo, a adaptación á violencia.
A montaxe de Contraproducións permanece fiel ao ton do texto, deixando que sexan as personaxes as que se expliquen: non forza o humor nin o drama máis alá do que declaran. Non reitera a mensaxe que a historia contén, aínda que mostra directamente as feridas que move a trama. Deixa que o espectador asista a unha comedia que anuncia o drama dende o principio e que remata confirmando a sospeita de que, de xeito oblicuo, estamos a falar dun fracaso colectivo.
Talvez de xeito oblicuo, o público da estrea advertiu que había algo aí que o concernía e aplaudiu longo e en pé unha obra que se presenta coma un dos mellores argumentos para ir ao teatro esta temporada.
+info:
https://rgtcritica.wordpress.com/2016/10/16/o-tolleito-de-inishmann/