Berio (dureé)

Tinta e acrílico sobre lenzo circular de 50 cm. de diámetro, equipo de son
Gravación e edición son: Jesús Andrés Tejada
2015

Berio (dureé) é un retrato formado por palabras no que se tira da memoria automática para construír ao modelo a través dun inventario descontinuo; este vai recollendo acontecementos persoais de carácter íntimo entretecidos cunha selección de eventos históricos relevantes xustapostos aos primeiros, en orde aleatoria. O conxunto caligráfico vai xerando, á vez, o debuxo dunha prenda de abrigo, dun lugar de acubillo onde enfermar de alzheimer e sentirse só “estando”, durando, ocupando. A peza complétase cunha gravación de audio que reproduce o son da escritura da mesma na súa totalidade, cunha duración coincidente co tempo real que a autora invertiu na realización da imaxe. A contemplación queda así ligada á escoita, cedendo protagonismo á unha recepción máis experiencial, facendo fincapé no carácter procesual da obra.