Facerse-a, Enredarse-ante, Tornarse-baixo

Acción
Creación: María Roja + asformigas
Performers: María Roja, asformigas, Sabela Eiriz, Marta Iriarte
35 min. aprox.
2019

Ás veces, distraídas, as mans repiten movementos orfos dun obxecto ou dunha práctica que xa non coñecemos; as mans repiten o recordo dun xesto.

Facerse-a, Enredarse-ante, Tornarse-baixo parte do tear de cintura, unha ferramenta preindustrial, para reflexionar sobre os modos de produción, o concepto de traballo e a xeración ou transmisión de coñecemento. Esta ferramenta milenaria conecta o corpo da tecedora coa natureza e reconcilia a produción téxtil coa medida humana. Refutando o modo de produción industrial, é o corpo o que impón a súa forma e movemento ao tecido, fronte a un modo de produción alienante e devastador. Á vez, a acción tenta ser un exercicio de rescate da memoria orgánica, no que o corpo evidencia a súa capacidade como portador perdurable de xestos e movementos pertencentes a prácticas ligadas ás tradicións oral e física.

Baixo o título, traducido ao catalán, Fer-se (a), Embolicar-se (davant de), Tornar-se (sota), esta peza estreouse durante a inauguración do proxecto expositivo “A la mà, la memòria” da artista asformigas (Vanesa Varela), pertencente ao ciclo “Un monstre que diu la veritat” comisariado por Pilar Cruz, no Espai 13 da Fundació Joan Miró.

Debuxo: asformigas
Rexistro fotográfico: Fundació Joan Miró, Fito Conesa