Leçons du vendredi
Acción
Creación: María Roja & Vanesa Varela
40 minutos aprox.
2022
Nalgunhas casas comezaron a verse actos de sabotaxe desorganizados. Inicialmente, tratábase dunha lixeira melancolía que remataba nunha pota de comida queimada ou nunha camisa mal pasada a ferro, aínda que ás veces, incomprensiblemente, toda a vaixela acababa destruída en anacos no chan.
Somatización é unha palabra que anula toda unha serie de saberes e aprendizaxes dos nosos corpos. Establece, unha vez máis, a mente como un elemento autónomo que, en ocasións, produce alteracións fisiolóxicas ao exercer o seu poder sobre a carne. Gustamos de substituír «somatización» por «histeria».
Histeria, como materia que ofrece alivio ao sufrimento emocional, como ruptura do corpo individual cara a protesta colectiva, como engano ante a disciplina e o implacable poder psiquiátrico.
Histeria, como xeito físico de enfrontarse ao mundo, que se le nos corpos alleos e se escribe no propio, nunha solidariedade non verbal.
HISTERIA! como berro inaugural das nosas leccións dos venres.
Leçons du vendredi é unha das posibles conclusións, colaborativa e contaminada, do proxecto h u e l g a s a l v a j e da artista Vanesa Varela, coa «Teoría da muller enferma» de Johanna Hedva baixo da almofada.
Leçons du vendredi estreouse na NORMAL Espazo de Intervención Cultural, dentro da programación da plataforma De Corpos Presentes.
Rexistro videográfico: Ángel Sousa
Rexistro fotográfico: Mónica Arcay
Agradecementos: Sabela Mendoza, Santi Romay, Héctor Guerra, Silvia Penas, Javier Martín