Pequeno asterismo para epiderme boreal

Performance, videoinstalación e instalación de debuxos sobre papel hectográfico
María Roja, en colaboración con Carla Rodríguez (LaBlue Tattoo)
Asistencia técnica: Flyers Tattoo
Vídeo: Producciones Mutantes
Fotografías: Fundación Laxeiro, Gero Costas, Alba C. Grandío, Raúl Barbón, Josiño Araújo
15´ aprox.
2025

Asterismo: Conxunto de estrelas que, mediante trazos imaxinarios, forman un debuxo que evoca unha figura determinada.

A intervención con tinta, realizada mediante a técnica da tatuaxe, mimetízase cos lunares e pequenas manchas que coran a pel. Nesta convivencia de pigmentos naturais e artificiais xorde unha paisaxe pictórica que esvaece as fronteiras entre o biolóxico e o intencionado, entre o accidente e a composición.
O corpo, convertido en superficie e en territorio, ofrécese como campo de experimentación visual, onde a tinta se desprende da súa intención ornamental para dialogar coas pegadas preexistentes. Sobre unha peaña que se torna móbil ao seu antollo —que ao mesmo tempo que sostén, é sostida—, o corpo preséntase como unha escultura viva, soporte sensible que habita a súa propia transformación.
Simultaneamente obra e suxeito, superficie de contemplación e axente activo, o corpo encarna a tensión entre pintura, escultura e performance, propoñendo unha reflexión sobre a mirada, a identidade e a materialidade do xesto.

«A artista María Roja concibe principalmente o seu propio corpo como base estrutural e elemento esencial no que ancorar as súas propostas, presentándoo como un corpo activo, un lugar de posibilidade. María entende a concepción do corpo como un espazo de creación susceptible ao cambio, para deterse na primeira capa que o envolve -a pel- ofrecéndoa como superficie simbólica, como unha cartografía repleta de grafismos debuxados polo paso do tempo. Estes trazos son completados na acción –Pequeno asterismo para epiderme boreal– realizada en colaboración coa súa irmá Carla Rodríguez, mediante a realización de tatuaxes que debuxan marcas permanentes, que se nos revelan como constelacións, nunha necesidade de fixar o tempo nun espazo.
Na súa acción explora o espazo expositivo, a peaña que é abordada, abrazada e invadida polo corpo da artista, nun diálogo cuxo fin último é a experiencia física dun corpo vivo enfrontado ao obxecto».
Basilisa Fiestras

Pequeno asterismo para epiderme boreal presentouse na Fundación Laxeiro (Vigo) como parte da exposición Interaccións: Espazo, corpo e obxecto, encadrada na terceira edición do ciclo «Un berro por Belas Artes», proxecto en colaboración coa Universidade de Vigo.