We love Ireland
Crítica de «O Tolleito de Inishmaan» por Camilo Franco para O Progreso
Cando un galego asoma a cabeza para buscar un país no horizonte internacional o primeiro que ve é Irlanda. O primeiro, o primeiro de verdade é Cataluña, pero aínda non ten estado propio. Miramos para Irlanda como se fose un país suficientemente bo como para conter dentro o que Galicia querería: ser independente e falar inglés. Ao teatro galego gústalle Irlanda e ten motivos. É un teatro de galegos sen galegos.
IRLANDA É PARA Galicia como Emilio Cao para Siniestro Total. Unha versión aceptable do porvir —que palabra—. Entre o mito celta do Rexurdimento e que a Xeración Nós prefería os paraísos católicos, Irlanda quedou no horizonte como un espello no que mirarse. Tamén porque é unha nación con estado que batallou entre xente que lle mataron e xente que matou, e isto é moi do gusto dos universitarios que algún día nos emanciparán. O teatro galego é intuitivo e percibe todas estas cousas antes de que ninguén as dispoña como tese. E mira para Irlanda como unha opción de encontrar un discurso asumible e adaptable. E escrito desde o presente.
A última demostración desta querenza é O tolleito de Inishmaan, quizais un drama reconvertido a comedia, quizais unha comedia clásica que, como todas, fai da dor un experimento cómico. A compañía Contraproducións escolleu a comedia e aí está toda esa ringleira de freaks que, vistos ao microscopio, evidencian que somos máis da mágoa que da gloria. Como un calcetín cos seus zurcidos. Cándido Pazó colle o texto de Martin McDonagh e despexa o camiño para que non queden dúbidas no humor, para que a comedia sexa divertida e cun pouso de elegancia antiga. Para que sexa cómica sen botarse ao chan. Sen sobreactuacións.
Ao teatro galego gústalle Irlanda incluso máis que Portugal. Gústalle Portugal como territorio xeográfico e Irlanda como territorio simbólico. Haberiamos de facer a proba do algodón preguntando á xente se un galego se parece máis a un irlandés ou a un portugués. O resultado é predicible. Pero non é necesario adiantarse. Habería que preguntar se o teatro galego se parece máis ao irlandés ou ao portugués. Aquí a resposta tamén é predicible. Pero diferente. Á cultura galega gústalle Irlanda como espazo de ficción, como falsa memoria, como épica e mesmo como retranca. Por veces, este querer dos galegos déixame unha dúbida conceptual. Unha dúbida como unha pantasma que percorre unha idea do porvir —outra vez, que palabra—. Porque Irlanda é unha nación con estado, pero sen lingua. Galicia é o contrario. E cando se fala de Irlanda sempre teño esa disputa: se os galegos renunciarían á lingua propia a cambio de ter un estado. A ver que di a literatura irlandesa sobre o particular. Ou o Sinn Fein. Entrementres, fantaseamos con que os prados de Irlanda son como os galegos e que a xente que tornaba a auga para eses prados bucolicamente pacidos por vacas que parecían galegas, cunha mesma expresión románica que tamén era como galega. Se un país se parece tanto a Galicia ten que ser coma Galicia e o teatro que produce ese país tamén ten que ser como sería o galego no caso de que a historia non so torcese hai 600 anos. É curioso, ou paradoxal, porque da literatura non se di o mesmo. Pero igual é culpa de James Joyce.
Ao teatro galego gústalle Martin McDonagh. Que é irlandés e dramaturgo. Que ten un sentido do humor que máis que ambiguo é ambivalente e isto achégao moito a ese humor que os galegos identificamos como propio. Un humor sen estado. McDonagh é o autor contemporáneo —ou coetáneo— máis representado en Galicia. Moito máis que os autores galegos de aquí. Desde fóra parece unha coincidencia, pero cando se lle miran as obras adquire sentido. Para O tolleito de Inishmaan, Cándido Pazó escolleu un xogo de identificación sutil pero sen sombras. En realidade, todo o que pasa podería pasar en Galicia, pero a compañía prefire esa distancia exótica e recoñecible. Falar dos galegos sen galegos polo medio. Prefire esa distancia e deixar moi no fondo do seu proceder a idea de que todo o que pasa sobre o escenario é unha desgraza, que diría Roberto Vidal Bolaño, contado como unha comedia. Pero non hai que facerse cruces: as comedias de verdade son así. Esta comedia busca o público e non quere que se lle distraia e todo está colocado e recolocado para que o dispostivo funcione sen carencia e sen rebaixas. Co elenco no seu sitio e co mellor galego que se pode escoitar en escena dende hai moitos anos. Por veces insiste de máis na comedia, como se desconfiase algo do público. Pero é un humor que sendo negro está dito como se fose branco. Cunha aparente inocencia que quizais sexa a trampa definitiva para os espectadores. Os dez segundos finais explican que había outra obra dentro desa obra.
Unha obra distinta, pero non necesariamente mellor. Unha historia que sucede en Irlanda coa mesma dor que aquí. Pero quizais non. Quizais os irlandeses sexan mellores ca nós. Porque eles, cando se odian, odiánse máis. Odiánse moito mellor.
Fotografía: Marcos Pereiro
+info:
http://elprogreso.galiciae.com/noticia/620581/we-love-ireland