Bienal de Artes Vivas de Pontevedra: resistir desde o corpo
Manuel Xestoso asina para Nós Diario un artigo sobre a primeira edición de Nas Marxes
O convento de Santa Clara abriu esta quinta feira as portas á I Bienal de Artes Vivas de Pontevedra. Baixo o título ‘Nas marxes’, Iñaki Martínez Antelo comisaría 22 pezas que poñen o corpo e a experiencia compartida no centro do debate actual.
Esta quinta feira inaugurouse no antigo Convento de Santa Clara a primeira edición da Bienal de Artes Vivas de Pontevedra, unha cita que, baixo o comisariado de Iñaki Martínez Antelo, desprega até o vindeiro 12 de xullo un ambicioso programa de 22 propostas artísticas que desafían as categorías tradicionais e converten a cidade nun laboratorio de experimentación. Este evento nace como un espazo específico para as prácticas contemporáneas, consolidándose tras o impulso das artes vivas na Bienal de Arte de 2025, e activando un enclave histórico que vive agora a súa transición desde o silencio da clausura até a apertura á actividade cultural.
O título escollido para esta edición, «Nas marxes», apunta a unha declaración de intencións sobre os bordos e limiares onde as disciplinas se dilúen. Martínez Antelo explica, en conversa con Nós Diario, que este concepto define artistas que traballan fóra dos circuítos habituais: «O título desta edición vén de artistas que traballan nos límites. Nesta primeira entrega, a Bienal aposta pola hibridación de linguaxes -performance, danza, artes escénicas e música- para activar novas olladas sobre a contorna e a memoria do lugar. O propio termo de «artes vivas», derivado do inglés live art, utilízase para englobar disciplinas vinculadas á presenza física. Como sinala o comisario, esta denominación serve para reivindicar a experiencia inmediata: «O termo artes vivas utilízase para englobar distintas disciplinas vinculadas á experiencia da presenza física das artistas, sexa a través do corpo ou da voz. É unha forma de reivindicar o acto presente fronte ao que, entre comiñas, poderíamos denominar ‘artes mortas’, como a pintura ou a escultura, máis centradas no obxecto».
Protagonismo da creación galega
A Bienal de Artes Vivas pon o foco de maneira decidida na potencia creativa do país, con catro estreas absolutas que esta quinta feira comezaron a habitar os espazos de Santa Clara. Unha das propostas máis singulares foi o concerto-acción Clo Pau Plas Pedra, no que Xiana Arias e Berio Molina colaboran con Diego Vites e Javi Álvarez. Esta peza mergúllase na oralidade e revisita o peso do lugar de pertenza a través de sintetizadores e rituais que invocan figuras como «xs Placudxs», unha deriva contemporánea dos cabezudos populares.
Pola súa banda, a compañía VACAburra, liderada por Andrea Quintana e Gena Baamonde, presentará o sábado O raro é que bailar sexa raro, unha gabanza da diversidade corporal que utiliza o «danzalismo» como ferramenta de vandalismo poético e político. A investigación sobre os paradoxos da performance tamén terá o seu espazo coa estrea de Y los huecos empezaron a pegarse, de Alejandra Pombo Su, que explora o berro e o xénero nun contexto contemporáneo. Pechando este bloque de estreas galegas, o poeta e horticultor Celso Fernández Sanmartín propón en Contar no apagón unha sesión de narración oral na escuridade, onde a palabra recollida da tradición actúa como o «luceiro no suspiro dunha mina».
A representación galega completase co circo contemporáneo de Pistacatro, que coa peza Sen patrón -Premio Nacional de Circo 2025- explora xogos de poder e equilibrios imposibles, e coa danza de Fran Martínez, quen presenta Transfixión, un exercicio de misticismo de baixa intensidade que é froito dunha residencia no propio convento.
A programación tamén serve para recuperar talentos que desenvolven a súa carreira fóra da Galiza, como é o caso de Rocío Bello, integrante do colectivo Los Bárbaros, que presenta o teatro documental de Extraña alegría. «Rocío é unha actriz de Lugo que marchou moi nova para Madrid e nunca actuara antes en Galiza. A ilusión que lle fai actuar agora na súa terra é notábel, e para a Bienal é unha satisfacción poder darlle esta oportunidade de presentarse aquí», comenta Martínez Antelo con entusiasmo.
Sustentabilidade e regreso do talento
Un dos fitos desta Bienal é a colaboración entre o coreógrafo francés Jérôme Bel e a actriz galega María Roja. Trátase dunha proposta que pon a sustentabilidade no centro, tal e como detalla Martínez Antelo: «Jérôme Bel é un artista que, por motivos de sustentabilidade, decidiu que nin el nin a súa compañía deben viaxar. O único que viaxa nesta produción é o guión e as instrucións para representalo, e quen o interpretará aquí será María Roja, nunha peza que se poderá ver por primeira vez en galego grazas á coprodución coa MIT de Ribadavia».
Un escenario expandido e internacional
Malia a forte aposta polo local, Santa Clara convértese estes días nun escenario de relevancia internacional coa participación de figuras como o italiano Alessandro Sciarroni, León de Ouro na Bienal de Venecia, que fechará o certame o 12 de xullo coa súa danza de resistencia física. Desde Arxentina, Martín Flores Cárdenas trae La fuerza de la gravedad, unha reflexión sobre a coexistencia forzada, mentres que o brasileiro Thiago Granato explora a transitoriedade en Out of Sight, Out of Mind.
A programación complétase con obras que desafían os circuítos habituais de museos e teatros, como a performance operística de Noela Covelo Velasco e Élise Moreau, a flamencoloxía electrónica de Isabel Do Diego, ou as pezas de danza conceptual de Blanca Tolsá, Lara Brown, María Jurado, Ángela Millano e Manuel Rodríguez. Tamén haberá espazo para o traballo de Leonor Leal e Antonio Moreno, e para a instalación performativa dos portugueses Ana Borralho e João Galante, que contan coa colaboración do grupo de teatro da UNED Pontevedra.
O desafío da exhibición
Un dos temas centrais que Martínez Antelo aborda na conversa é a precariedade na exhibición deste tipo de artes. O comisario sinala que moitas destas obras non funcionan en espazos convencionais: «A maioría das pezas que se presentan nesta Bienal non funcionarían nun teatro tradicional polo equipo que precisan, pola relación co público ou mesmo pola súa duración. É difícil vender unha entrada para algo que dura quince minutos nun circuíto comercial, por iso é necesario crear espazos onde estes traballos se poidan encontrar co público».
Para que estes proxectos vexan a luz, Martínez Antelo destaca a importancia «fundamental» de estruturas como o colectivo RPM e as súas Residencias Paraíso, ou espazos como A Casa Vella: «Estes artistas necesitan condicións mínimas para crear, espazos para probar e unha ollada externa que os asesore. Proxectos como RPM ou A Casa Vella permiten que as creadoras teñan un tempo tranquilo para desenvolver as súas pezas sen ter que preocuparse unicamente de sobrevivir nun entorno precario».
A Bienal adáptase ás características da igrexa, o coro e os xardíns de Santa Clara, non só en formato senón tamén en temática, con obras que dialogan co compoñente místico do espazo. Como conclúe o comisario: «É fundamental ver estas obras en directo; por algo se chaman artes vivas. Ese contacto físico e directo entre o artista e o público é o que lle dá todo o sentido a este proxecto».
O corpo feminino como referente
Finalmente, Martínez Antelo subliña a importante presenza feminina na programación, algo que xorde de xeito «natural» pola propia historia da disciplina. «A muller empezou a traballar co corpo e a voz fronte ao dominio masculino na pintura ou a escultura. De feito, os grandes referentes da performance hoxe son mulleres, desde Gina Pane ou Yoko Ono até Marina Abramovic ou Esther Ferrer», lembra o comisario.
Aínda que recoñece que existe unha lei de igualdade que obriga a manter a paridade nas programacións, e unha obriga moral en mantela, Martínez Antelo afirma que nas artes vivas é especialmente doado atopar paridade: «Aquí é moito máis fácil facer un programa equilibrado porque hai moitísimo máis talento feminino onde escoller».
Unha eclosión necesaria nun momento «rico e fértil»
Pode semellar que hai unha explosión repentina de artes vivas, pero o comisario Iñaki Martínez Antelo matiza que en realidade o que vivimos é un proceso de visibilización dun xénero moitas veces relegado ás marxes dos espazos tradicionais de exhibición. Na actualidade, existe unha enorme demanda deste tipo de obras en case todos os centros de arte porque os corpos e a súa activación política están no centro do debate contemporáneo. «Estamos nun momento especialmente interesante, rico e fértil», sinala o responsábel do programa, quen destaca a aparición de artistas que traballan nese espazo híbrido e poroso entre as artes visuais e as escénicas.
Aínda que hoxe fálase de «artes vivas» como un concepto en auxe para englobar o que é difícil de clasificar, a súa raíz é profunda e histórica. Para entender o que está a suceder agora mesmo en Pontevedra debemos mirar cara atrás: desde as accións excéntricas e provocadoras dos dadaístas no Cabaret Voltaire de Zúric a comezos do século XX, até o apoxeo impulsado polo espírito da contracultura e da arte conceptual dos anos sesenta e setenta, coa súa vontade de o obxecto artístico para opoñerse á súa mercantilización.
Na Galiza, o precedente histórico máis claro atópase nos recitais-performance do grupo Rompente nas décadas de 1970 e 1980. Hoxe, ese legado recóllese e amplifícase a través de festivais como Escenas do Cambio que puxo en marcha Pablo Fidalgo Lareo ou o labor do colectivo RPM. Con esta Bienal, Pontevedra recoñece que o «aquí e agora» deixou de ser un exercicio excéntrico para converterse nunha linguaxe necesaria que pon a experiencia humana compartida no centro de todo o que acontece no escenario de Santa Clara.
Ler en liña:
Bienal de Artes Vivas de Pontevedra: resistir desde o corpo

