Estrea de «Noso»

María Roja forma parte do elenco da nova produción do Os Náufragos Teatro

O Teatro Rosalía de Castro da Coruña acollerá o vindeiro venres, 16 de febreiro, a estrea de NOSO, a nova peza teatral da compañía coruñesa Os Náufragos Teatro. Unha obra ambientada nas mobilizacións do rural contra os parques eólicos que viaxa ao corazón dunha familia que explora as relacións entre irmáns, os conflitos interxeracionais e a necesidade de reconciliación co pasado e o futuro.
A historia de NOSO desenvólvese nun vello ultramarinos-bar que foi punto de encontro habitual da veciñanza dunha pequena aldea galega. Hoxe, ese lugar vese afectado ambiental e patrimonialmente polo imparable avance dun parque eólico e, baixo a sombra desta ameaza, a peza mergúllase nunha historia familiar que examina as consecuencias que tomamos nas xeracións futuras. NOSO é unha dramedia familiar que contrapón a irrealidade das lembranzas do pasado cos conflitos do presente e co peso permanente dos lazos familiares.
Dirixida por Gustavo del Río e producida por Os Náufragos Teatro en colaboración coa AGADIC, esta nova produción busca afondar nas relacións entre distintas xeracións a través da exploración de temas universais como a familia, o sentido de pertenza ao territorio e a capacidade de adaptación ao cambio.
A peza tamén pon en valor os ultramarinos-bar, establecementos en proceso de desaparición que noutrora tiveron unha enorme importancia na vida cotiá das vilas e aldeas galegas como espazos de socialización fundamentais para a cohesión comunitaria.
O emblemático teatro Rosalía de Castro da Coruña acollerá a estrea absoluta desta peza, que se exhibirá ao público o venres 16 e o sábado 17 de febreiro, ás 20:30 horas.

+info:
Os Náufragos Teatro leva aos palcos a problemática dos eólicos
Náufragos Teatro estrea ‘Noso’