María Roja, candidata aos VI Premios Mulleres no Foco
A Deputación de Pontevedra deu a coñecer as 17 candidaturas que competirán na sexta edición dos Premios Mulleres no Foco, uns galardóns destinados a recoñecer a traxectoria de mulleres vinculadas ao sector audiovisual galego.
As tres gañadoras coñeceranse o próximo 9 de outubro, durante unha gala que se celebrará ás 20.00 horas no Auditorio Municipal de Marín.
As candidaturas inclúen perfís de distintas áreas da industria, desde a dirección e a produción até a interpretación e o guion. Entre as profesionais propostas figuran Inés Pintor, Inés Colmeiro, Uxía Caride, Andrea Vázquez, Clara Coira, Xisela Franco, Ana Domínguez, Marta Villar, Rosa Moledo, María Ignacia Ceballos, Mabel Rivera, Lucía Estévez, Diana Gonçalves, Mela Casal, María Roja, Carmen Méndez e Anxos Fazáns.
A selección das candidaturas correu a cargo dun xurado presidido por Lucía Muradas, xefa do Servizo de Igualdade da Deputación, e con Marta Caldas como secretaria. No xurado participaron representantes da Academia Galega do Audiovisual, asociacións de profesionais da dirección e a realización, CIMA, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, o colectivo de guionistas, a Coordinadora Galega de Festivais e a Asociación Galega de Produtoras Independentes, ademais de persoal técnico da Deputación.



