Poéticas para unha vida
áIntemperie no III Festival Internacional de Poesía Experimental e de Acción
áIntemperie presenta ST (resaca de domingo) no Museo VERBUM o día 15 de Abril ás 21 horas. A peza, creada por María Roja, Fran Buceta e Berio Molina, está incluída dentro da programación da III edición do Festival Internacional de Poesía Experimental e de Acción Poéticas para unha vida.
“Un ano máis Poéticas para unha vida inicia a súa andadura co obxectivo de ofrecer un panorama de actualidade no que se refire á poesía máis experimental, estendendo este adxectivo a toda proposta que indague na función poética ou que trate de explorar novas vías de expresividade a través do texto, a imaxe, o propio corpo…
O atrevemento, en consecuencia, é unha das características que definen este encontro, con propostas inéditas -moitas delas pensadas para a ocasión- que con frecuencia se mergullan en ámbitos limítrofes pero que conectan profundamente co feito poético a través da transmisión de sensibilidade.
A arte (a poesía) de acción irrompe con forza nesta edición da man de varios artistas (poetas) cunha ampla traxectoria tanto realizadora como organizativa. As súas accións, pensadas ou desenvolvidas -na maior parte dos casos- para a rúa, falan da capacidade da poesía para establecer un pulso (lúdico, irónico, crítico e festivo) coa propia urbanidade.
Autores, algúns deles, referencia obrigada no ámbito da poesía de acción, e cuxa presenza vai máis aló da execución do acto para converterse en acontecemento simbólico, capaz de deixar pegada ao seu paso pola Casa das Palabras.
A súa vez, o son, que historicamente estivo ligado a movementos de vangarda, eríxese nesta terceira edición como motor de non poucas das intervencións, e nalgúns dos casos, será o que articule a creación artística. A poesía sonora, a performance radiofónica, a manipulación acústica, a poesía dos murmurios… delatan un interese crente por abrir expectativas nesta dirección, e que motivan a nosa busca de alianzas con outros festivais, como é para este ano o caso de CreatSonor, en Tarragona, organizado por L’Ovella Vermella.
Esta é unha programación feita cun alto grao de ilusión que desexa ser compartida, aberta tamén á participación cidadá dun xeito activo nalgunhas das propostas.“
Julio Fernández Peláez