2,2 quilómetros de alento

Acción site-specific
Creación e performers: María Roja & Andrea Mosquera
Soporte audiovisual: Adrián Porima e Raquel Álvarez
Edición de audio: Jesús Andrés Tejada
Asesoría vestiario: Silvia Penas
75 minutos aprox.
2023

Dúas mulleres camiñan pola rúa cargadas con bolsas da compra.
Dúas mulleres percorren os 2,2 quilómetros que separan o Xulgado de Violencia sobre a Muller en Vigo da Sede da Deputación da mesma cidade, cargadas con bolsas da compra.
Ás súas costas, van emborrallando con berros o ar. Os laídos de auxilio, carentes dun corpo emisor visible a ollos das viandantes, mestúranse coa paisaxe sonora urbana ata perderse.
Dúas mulleres camiñan pola rúa transportando un xénero aparentemente inocuo, resultante dunha intencionada listaxe da compra camuflada entre produtos destinados aos labores de coidados, limpeza e alimentación.
Sen deterse, dúas mulleres camiñan pola rúa cargadas con bolsas da compra, entre outras moitas mulleres cargadas con bolsas da compra.

2,2 quilómetros de alento é unha peza realizada ex profeso para conmemorar o Día Internacional da Muller, nun exercicio propio de toma da rúa por parte de corpos en loita pola xustiza e a igualdade.

Rexistro fotográfico: Adrián Porima, Deputación de Pontevedra, Meveoo