Peza para bimbar ao ar

Performance colectiva site-specific
Creación: María Roja
Performers: Veciñanza de Ribadeo
Ilustración: Carla Rodríguez (LaBlue)
Asesoría agrícola: Vanesa Varela, David Eyo Míguez
Rexistro audiovisual: Eloy Couceiro
Agradecementos: Mano Panforreteiro, Silvia Penas
90 minutos aprox.
2023

PAINTING FOR THE WIND
Cut a hole in a bag filled with seeds of any kind and place the bag where there is wind.

Yoko Ono

Durante as últimas décadas, a partir do movemento antiglobalizador dos anos 90 do século pasado e ao abeiro dos diferentes movementos sociais que foron alzando historicamente as súas voces, temos asistido ao nacemento de formatos e discursos de disidencia baseados nos modos de facer inherentes á arte. As producións resultantes postúlanse como fórmulas de arte pública ou contextual, na medida en que interpelan os espazos que converten en campo de acción –a rúa, a praza, os camiños, os espazos semipúblicos– a fin de advertir neles diferentes signos de vulnerabilidade dun sistema sociopolítico que refutan e desacatan. Neste punto, a acción colectiva en exteriores permite explotar as posibilidades subversivas latentes na interacción humana ordinaria.

Peza para bimbar ao ar parte destes presupostos á vez que se deixa embeber da poética da peza conceptual de Yoko Ono que encabeza estas liñas.

Peza para bimbar ao ar volve os ollos cara a “terceira paisaxe” que nos circunda, aquela que aparece nas cunetas das estradas, nas fincas a medio construír, na beira do mar, nos espazos de tránsito, nas fendas dos muros, nos lugares residuais das nosas vilas e cidades… naqueles territorios esquecidos, desprovistos de función, en desuso ou abandonados, que a vexetación vai reconquistando allea ao control deliberado do ser humano, onde medran xardíns efémeros con autonomía propia baixo a intemperie. A reflexión en grupo sobre os puntos conflitivos dos que a este respecto adoecen os lugares que habitamos, sinalándoos de xeito concreto sobre o plano, determina o percorrido do paseo.
O material da acción son “bombas de sementes”. Estas son boliñas de arxila, substrato e sementes autóctonas ideadas para a reforestación e empregadas tradicionalmente en diversas zonas do planeta. O microbiólogo e agricultor xaponés Masanobu Fukuoka redescubriu e desenvolveu esta antiga técnica (que bautizou como Nendo Dango, “bolas de arxila” en xaponés) a finais do século XX, popularizando un sistema de sementeira cuxo obxectivo é evitar as intervencións que afectan aos microecosistemas do chan (emprego do arado, fertilizantes, herbicidas, praguicidas, etc.) e permitindo, ao non precisar a terra un tratamento previo, acadar zonas de difícil acceso. A día de hoxe, esta é unha das ferramentas educativas e sociais máis coñecidas das afamadas “Green Guerrillas” de Nova York e, a súa receita, sérvenos de guía na súa elaboración.
Aprovisionadas deste “arsenal” verde, saímos á rúa e camiñamos xuntas, guindando e/ou colocando as nosas “bombas”.

Peza para bimbar ao ar simula non ser máis que un paseo grupal, pero rebélase como unha acción artística que exercita a mirada crítica comunitaria a fin de irromper sutilmente no territorio que habitamos.

Peza para bimbar ao ar é un proxecto deseñado ex profeso para PÍLLARA, festival que vincula mocidade, medioambiente, arte e cultura, desenvolvido na vila de Ribadeo.