Ada ou Contar de memoria unha novela de Nabokov #Пандемия

Acción
Creación: María Roja
Performers: Maria Chiginskaya, María Roja
Documental proxectado: Два рассказа о памяти (Dúas historias sobre a memoria), de Valery Chiginskiy
Iluminación: Diego Villar I RTA
75 minutos aprox.
2020

Ao longo dos primeiros meses do ano 2018, padecín un problema ocular a raíz do cal me vin privada do sentido da vista. Abastecida de cada vez máis escasos entretementos co paso das semanas, alguén deu en lerme en voz alta, a anacos diarios, a novela de Vladimir Nabokov titulada Ada ou o ardor. Así coñecín esta historia.
Masha leu este libro no ano 2002, durante a primavera, mentres preparaba os seus exames da universidade en San Petersburgo. Comezou a súa lectura para impresionar ao seu profesor de Literatura, do cal estaba platonicamente namorada, quen desconfiaba da capacidade do seu alumnado para comprender esta obra. Así coñeceu esta historia.
Agora, ímosvola contar, de memoria.

Ada ou Contar de memoria unha novela de Nabokov é unha acción na que se propón unha sorte de visita guiada ao rexistro que do texto permaneceu nas performers de xeito natural, entretecido este con acontecementos persoais íntimos e eventos históricos de certa relevancia xustapostos no tempo a dita escoita/lectura. A través dun inventario narrativo e formal descontinuo, desbótase a reconstrución fiel do relato textual en favor da implicación física do corpo e do contexto no acto de recordar.
Ada ou Contar de memoria unha novela de Nabokov tenta ser un exercicio de rescate da memoria orgánica, debedor das nosas tradicións oral e física.

Ada ou Contar de memoria unha novela de Nabokov #Пандемия é unha revisión da acción co mesmo título creada para o Festival 85C no MARCO de Vigo e versionada posteriormente na Casa do Saber de Lugo, sede do Museo Universitario da Domus do Mitreo, para o programa Xoves de Moda. Nesta ocasión, a performance ten lugar na Sala de Teatro Roberto Vidal Bolaño, dentro do Festival USCénica.

Vídeos: Lucía Estévez + USCénica
Fotografías: USCénica + Verónica Moar + Christian García Bello