Cada cana catro niños

Instalación e performance
Paxaros de porcelana e madeira, caixas postais, fotografías e son
Medidas variables
2022

Unha árbore con doce canas,
cada cana catro niños,
cada niño sete paxaros,
cada paxaro co seu apelido.

O ano, os meses, as semanas e os días. O tempo resulta ser a solución da amendita adiviña popular galega. O tempo, o seu paso ou o seu adecuamento ás novas realidades, é apuntado neste proceso creativo como axente revelador dun feito ostensible, o da migración masiva aos núcleos urbanos. O proxecto afonda na problemática do despoboamento do rural galego, especialmente acusada na provincia de Lugo. A artista desenvolve este traballo na súa aldea materna, na que, de vinte vivendas, só cinco permanecen habitadas, sendo probablemente os seus e as súas actuais residentes, tamén as derradeiras.
Cada cana catro niños propón unha instalación de carácter performativo. Baseándose na tradición do envío de tarxetas postais para manter o contacto e porlle imaxe a xeografías descoñecidas, Roja realiza un mapeo fotográfico, sonoro e humano do lugar. De cada unha das casas aínda ocupadas, portando a paisaxe sonora recollida desde as súas respectivas fiestras, partirá, cara ao actual lugar de residencia das persoas que abandonaron definitivamente o fogar familiar, unha peza de porcelana en forma de paxaro. A acción completarase cando as figuras cerámicas, unha vez recibidas, sexan colocadas nas pólas dalgunha árbore do lugar de destino, mesturándose co imaxinario e a sonoridade urbanas. Á vez, un paxaro de madeira con remitente na diáspora uruguaia, pousarase no freixo que nos recibe no Museo Pazo de Tor, cun peteiro ateigado de ecos dunha urbe distante fisicamente pero achegada no acto íntimo de lembrar.
Cada cana catro niños tenta ser un exercicio de rescate da memoria individual e colectiva, poñendo en valor as imaxes de lugares e comunidades ignoradas á mantenta polo Google Street View e os sons dunha contorna en perigo de extinción, a fin de facer fincapé nos modos de construción dos discursos culturais.
Cada cana catro niños é un proxecto en proceso de carácter colaborativo, desenvolvido grazas á complicidade da ceramista Esther Quintas (Como cuando), o fotógrafo Miguel Vidal, os artistas sonoros Honorino García e Jesús Andrés Tejada, o escultor Luis Balbuena e a veciñanza da aldea de Eixibrón e mais as súas familias emigradas.

Cada cana catro niños é un proxecto levado a cabo no Museo Pazo de Tor durante as Residencias de co-creación artística coa comunidade e contorna rural DA Terra Semente DÁ Semente Terra, coordinadas por Vaciocero Servicios Culturales e organizadas pola Rede Museística da Deputación de Lugo.

Fotografía: Miguel Vidal