Dasein

Videoperformance con Adriana Pazos Ottón
6´ aprox.
2016

Dasein [ˈd̥ɑːza͡ɪ̯n] é un termo alemán que combina as palabras «ser» (sein) e «aí» (da), significando «existencia».

Non somos realidade senón posibilidade. Exectadas cara o futuro, cara a expansión das múltiples posibilidades, somos a acción. Esta multiplicidade de realización, de infinidade ofrecida na que estamos inmersas e cara onde nos dirixen os nosos posibles, é o continuo no que navegamos, no que somos e nos expresamos. Sucesión, multiplicidade, articulación, potencia, facticidade, expansión, continuidade e prolongación; o ser do mundo e o ser da vida humana. Pero o tan extenso non é abarcable nunha soa mirada. Que queda na periferia, na visión lateral, nas marxes?

Inmerso nun contexto urbano, habitando as superficies físicas dispoñibles, o corpo vaise articulando. Este, dun modo improvisado, convértese nun axente vitalizador do espazo, resaltando o cromatismo e a liñalidade dos planos achados, concibidos e habitados como fondos pictóricos. A dinámica maniféstase na sucesión paseo/encontro/relación do corpo coa liña e o plano, transitando entre o naturalista e o abstracto, resolvéndose en accións inconclusas, movementos de intencións esvaecidas, devires erráticos, xestos repetitivos, coordinados, non propositivos, que xorden deste diálogo formal.

Peza creada ex profeso para a exposición EXPERIMENTA 10+1, comisariada por Paula Cabaleiro coa asistencia de Iñigo Rodríguez Román, inaugurada no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense o 7 de outubro de 2016.