Partitura para exercicio de memoria en terra allea

Work in progress
María Roja e Silvia Penas
2021
Baixo este título temporal, recóllese un proxecto en proceso en colaboración coa escritora e performer Silvia Penas. Comisariado por Matías Daporta, iniciouse durante a Residencia 05/21 no Espazo Desfoga de Cambados (Pontevedra), organizado polo Espacio Nigredo (Madrid).

Este proxecto parte dun traballo anterior titulado Ada ou Contar de memoria unha novela de Nabokov. Ao longo dos primeiros meses do ano 2018, padecín un problema ocular a raíz do cal me vin privada do sentido da vista. Abastecida de cada vez máis escasos entretementos co paso das semanas, alguén deu en lerme en voz alta, en fragmentos diarios, a novela de Vladimir Nabokov titulada Ada ou o ardor. De esa anécdota nacería a performance citada, realizada en colaboración coa investigadora teatral Maria Chiginskaya. A peza propoñía unha sorte de visita guiada ao rexistro que do texto permanecera nas performers de xeito natural, entretecido este con acontecementos persoais íntimos e eventos históricos de certa relevancia xustapostos no tempo a dita escoita/lectura.
A memoria desta novela rescátase no proxecto presente para desenvolver unha serie de pezas plásticas, nas que os xestos significativos das súas personaxes se recuperan, acompañados dunha reescrita da historia elaborada a través da técnica da escritura automática, tomando para iso todo o recordado do texto original. O resultado son unha serie de dípticos, realizados en tinta e acrílico sobre lenzo, nos que o tecido caligráfico vai xerando as imaxes.
A medida que este traballo vai avanzando e se vai complementando coa investigación teórica, xorde a necesidade de rexeitar a reconstrucción fiel do relato textual en favor da implicación física do corpo e do contexto no acto de recordar. Déixase a un lado a obra nabokiana e consérvase a idea de retrato. É entón cando comenzan a idearse e redactarse unha serie de pautas descritivo-poéticas co obxectivo de codificar, a través de accións concretas, o exercicio de lembrar de memoria a un ser querido ausente desde un lugar xeográfico alleo.
Esta partitura, aínda en fase de creación, pretende ser unha sorte de exercicio de rescate da memoria orgánica, debedor das nosas tradicións oral e física.