Rastrexo en 570 pasos

Performance site-specific
Ilustracións: Alba Blanco Boga
Edición son: Olsen Manuel Lima
Asesoría movemento: Olga Cameselle
Colaboracións audio: Adrián Porima, Ailén Kendelman, Areta Bolado, asformigas, Atenea García, Begoña Cuquejo, Carla Rodríguez, Carolina Rodil, Christian García Bello, Fernando González, Héctor Guerra, Javier Labandeira, Laura Torrado, Luis Esmorís, Maria Chiginskaya, Miguel Vidal, Olsen Manuel Lima, Pablo Canosa, Paolo Constantino, Santiago Paredes, Santi Romay, Silvia Penas, Tamara Andrés, Xiuyan L., Xose Piñeiro
15’ aprox.
2021

Rastrexo en 570 pasos é unha performance site-specific que propón unha camiñada polas entrañas da Cidade da Cultura. O público, illado individualmente a través dun dispositivo móbil provisto de auriculares, desprázase á par da voz que o vai guiando, seguindo os pasos e rastrexando os xestos, as accións, os movementos, os pensamentos, as pegadas físicas e obxectuais… dun corpo que anteriormente “estivo” aí. Un corpo que finalmente aparece, exposto sobre unha plataforma xiratoria, ocupado en lembrar e revivir a partitura descrita no audio anterior. Cada espectador/a pode observar os fragmentos de movemento que se lle van ofrecendo, únicos para o seu punto de vista, fixo e a distancia. Á vez, recibe momentos desa sorte de coreografía, suspendidos a través da súa representación gráfica, en forma de arquivos dixitais. Unha descrición sonora do corpo que están a ver e coñecer, realizada de memoria por un grupo de persoas vinculadas familiar, amistosa, sexoafectiva ou profesionalmente á artista, completa a colección de estímulos ofertada.
Rastrexo en 570 pasos é unha reflexión sobre o modo de accionar dos corpos en soidade e en espazos físicos restrinxidos, ameazados polo síndrome da estereotipia, máis da súa pegada dixital, aberta ao rastrexo alleo. Esta é unha peza inevitablemente contextualizada nunha época de secuelas pandémicas.

Rastrexo en 570 pasos é unha acción creada ex profeso para o programa “Escenas en danza” do Festival Escenas do Cambio 2021.

Documentación fotográfica: Rubén Vilanova