ST (resaca de domingo)

Acción con áIntemperie (maría roja + fran buceta + berio molina + ángel sousa).
40’ aprox.
2011

Domingo. Ou non ter nada que facer. Ocuparse en accións que eviten afrontar a realidade. Un extravío que sume en estados perceptivos alterados, en ausencias momentáneas. Un estrañamento respecto ao entorno, no que a mirada descubre o poético do ordinario. Compartir un tempo real, o tempo cotiá. Pararse. Aburrirse. Resistir.
“S/T (resaca de domingo)” nútrese do silencio, e dos sons que habitan e conforman dito silencio. 30 minutos nos que nada acontece, porque non hai nada que poda pasar, porque non é necesario, nin probable. O único que fala é a pel e unha saba friccionándose, algún electrodoméstico, obxectos cotiáns… interrumpidos só polas respiracións, suspiros, berros, tarareos, golpes e frases inconexas de dous corpos que están nunha situación de permanencia e tedio reais. O seu discurso é moito máis elocuente que calquera palabra, precisamente porque a súa insignificancia signifícao todo.
O catálogo de posturas, actitudes e accións en relación á propia situación e ao espazo xerado polo binomio chan-colchón, vése tinguido do concepto de “picnolepsia” referido por Paul Virilio; a separación da realidade tal e como a percibimos apoiase na amplificación e manipulación dos sons emitidos polos corpos, así coma nunha linguaxe corporal que mistura cotidianidade cunha estraña estilización. Acontecementos e estados improductivos, de paso diario, fanse merecedores da nosa atención, nunha redescuberta dos mesmos.
A coreografía de dous corpos ocupándose, que habitan un espazo íntimo nun día de relixioso descanso, de abrupto parón da inercia do movemento da actividade diaria cotiá, sumidos nunha rutina imposta de xeito invisible, gobernados polo paso do tempo a un ritmo intolerablemente lento, co aburrimento facéndose tanxible: Un espazo e un tempo que encher.