Inversa Teatro inicia a súa xira por Colombia
A compañía Inversa Teatro emprende o próximo 22 de abril a que será a súa cuarta xira por Latinoamérica, voltando, nesta ocasión, a Colombia.
A primeira parada será na cidade de Barranquilla, onde participará coas súas dúas últimas producións na oitava edición do ENITBAR, Encuentro Internacional de Teatro de Barranquilla en el Atlántico y la Región Caribe. O día 24, o Teatro José Consuegra Higgins acollerá unha representación aberta ao público xeral de «Té con Kant», peza escrita e dirixida por María Caparrini máis Marta Pérez e interpretada por esta última e María Roja. A día seguinte, terá lugar un novo pase dirixido ao público escolar. Esa mesma tarde, será o turno de «Fémina Sapiens», obra para público adulto escrita e interpretada por Marta Pérez baixo a dirección de Carlos Álvarez-Ossorio. Así mesmo, o día 26, terá lugar en La Sala o taller «Creación de las artes escénicas desde una perspectiva de género», impartido por Marta Pérez.
A xira continuará na cidade de Cartagena de Indias, con dúas actividades incluidas na programación do Centro de Formación de la Cooperación Española, no marco da celebración dos 25 anos da Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo AECID, en colaboración con Cofradía Teatral. O día 28, Marta Pérez impartirá o seu taller de creación. Ao día seguinte, María Roja, actriz da compañía, porá en escena a performance da súa autoría «Cóctel de parqueadero», centrada na problemática da emigración entendida dende o corpo, ligada aos conceptos de memoria e temporalidade.
«Cóctel de parqueadero», foto de Miguel Vidal