«Nun cuarto da rotonda», estrea de Acusmaser Opus

María Roja é a responsable do deseño do espazo escénico

A compañía galega de nova creación Acusmaser Opus comeza a súa andaina profesional coa estrea do seu primeiro espectáculo, NUN CUARTO DA ROTONDA, na 35ª edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. A cita será o domingo 21 de xullo ás 20:30h na Igrexa da Madalena. Así mesmo, o luns seguinte, ás 21h no mesmo espazo, terán lugar unhas ponencias e un coloquio arredor da peza. Ante un público constituído non só por afeccionados ao teatro, senón tamén por teóricos, programadores e profesionais da escena, contaremos coas intervencións de Manuel García Martínez, especialista en Beckett e profesor da USC, Manuel F. Vieites, teórico de teatro, gran coñecedor da obra de Pinter e profesor da ESAD, e Pablo Seoane, tradutor d’A última cinta de Krapp e autor do espazo sonoro do espectáculo que aquí se estrea. Na conversa estarán presentes tamén os actores e o director de Acusmaser Opus.

Baixo o título “Nun cuarto da rotonda” (Beckett + Pinter), exhibimos os espectáculos “Last Tape’s Krapp”, de Samuel Beckett, e “The Dumb Waiter”, de Harold Pinter.
A función está dividida en dúas partes. Na primeira veremos “Last Tape’s Krapp”, un monólogo onde contemplamos a desesperación do seu único personaxe que manipula unha gravadora onde escoita as cintas nas que garda impresións da súa vida recollidas trinta anos atrás. Krapp non se recoñece a si mesmo e grava unha nova cinta coas impresións do presente. Estas resultan ser unha autocrítica sen piedade da súa xuventude.
Na segunda parte veremos “The Dumb Waiter”. Nesta obra, os dous protagonistas agardan ordes dunha entidade superior para acometer o seu traballo. Ben agarda pacientemente, pero Gus está inquieto e incómodo. Cuestiona o seu superior, un tal Wilson, ao que non vemos, e lanza continuas preguntas ao seu compañeiro. Ben vaise incomodando progresivamente ata acabar por botarlle as mans ao seu molesto parceiro. Para rematar, chéganlles ordes absurdas por medio de notas transferidas nun pequeno montacargas de hostalería disposto nunha das paredes do cuarto que habitan. Unha desas ordes será a da eliminación física dun ser humano.
Estas dúas comedias teñen en común que ambas se desenvolven nun cuarto. Tamén nas dúas os seus protagonistas manifestan a confusión propia de quen dá voltas nunha rotonda e non sabe qué camiño elixir; o camiño que vai ou o camiño que volve.

NUN CUARTO DA ROTONDA:
Compañía: Acusmaser Opus & Ainé Producións
Autoría: Harold Pinter & Samuel Beckett
Dirección: Evaristo Calvo
Intérpretes: Federico Pérez, Evaristo Calvo, Santi Romay
Deseño do espazo escénico: María Roja
Espazo lumínico: Octavio Mas
Espazo sonoro: Pablo Seoane
Produción: Rubén G. Pedrero, Iago Cañete, Uxía García
Indumentaria-Caracterización: Acusmaser Opus
Fotografía: Marcos Pereiro
Audiovisuais: Marcos PTT. Guitián
Agradecementos: Carolina Rodil, Xosé Rodríguez

+info:
https://mitribadavia.gal/
http://aine.gal/