Jérôme Bel (x María Roja)
Performance
Dirección: Jérôme Bel & María Roja
Asistente: Maxime Kurvers
Texto e vídeos: Jérôme Bel
Performer: María Roja
Imaxes: Herman Sorgeloos, Marie-Hélène Rebois, Aldo Lee, Pierre Dupouey, Olivier Lemaire, Chloé Mossessian
Produción dos vídeos: CND Centre national de la danse, R.B. Jérôme Bel, Paris National Opera/Telmondis en asociación con France 2 coa participación de Mezzo e do Centre national de la cinématographie, Theater Hora, French Institute Alliance Française – FIAF
Produción da performance: R. B. Jérôme Bel (Rebecca Lasselin e Sandro Grando)
Produción da versión local: Bienal de Artes Vivas de Pontevedra | Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia
Coprodución: Ménagerie de Verre (Paris), La Commune centre dramatique national d’Aubervilliers, Festival d’Automne à Paris, R.B. Jérôme Bel (Paris)
Tradución dos textos ao galego: Servizos Lingüísticos da Deputación de Pontevedra
Documentación fotográfica local: Romina Doce (Nas Marxes) / Rosinha Roja (MIT Ribadavia) / Alfred Köppe
2 horas aprox.
2026
Jérôme Bel é un coreógrafo e bailarín francés, considerado unha figura chave na renovación da danza contemporánea desde os anos noventa. A súa traxectoria caracterízase por unha aproximación crítica e conceptual ao feito escénico, que cuestiona os códigos tradicionais do espectáculo e reduce a escena aos seus elementos esenciais. O seu traballo evolucionou desde investigacións formais sobre a linguaxe coreográfica cara a un interese por quen interpreta como individuo e polas dimensións políticas e sociais da representación. Recoñecido internacionalmente, a súa obra foi presentada en contextos escénicos e artísticos de todo o mundo, e os seus rexistros forman parte de coleccións de importantes institucións museísticas.
A través do uso da biografía, Jérôme Bel politiza as súas preguntas, consciente da crise que atravesa o suxeito na sociedade contemporánea e das formas que adopta a súa representación en escena. Ao ofrecerlles o escenario a intérpretes non convencionais —persoas amadora, con discapacidades físicas e mentais, nenas e nenos—, mostra preferencia por unha comunidade das diferenzas fronte ao grupo normativizado, así como un desexo de danza por riba da coreografía, aplicando métodos de emancipación a través da arte.
Na peza que leva o seu nome, definida por el mesmo como “auto-bio-coreográfica”, Jérôme Bel reconstrúe a súa lóxica lineal, despregada a partir dunha mirada necesariamente subxectiva. A intervención performativa do coreógrafo, só en escena, dialoga coa proxección de arquivos filmados e reactiva a memoria de xestos, partituras e feitos biográficos que o discurso pon en correspondencia. Nela, Jérôme Bel conta por primeira vez a súa historia, compartindo dúbidas, compromisos, fracasos e tamén fascinacións. Combinando relato e sentido, a peza articula fragmentos da súa vida, a súa traxectoria e o seu proxecto intelectual para revelar as súas estruturas comúns.
Por motivos ecolóxicos, a peza é interpretada sempre por unha actriz ou un actor local, na lingua do país onde se presenta. Nesta ocasión, a actriz e performer galega María Roja encarna a Jérôme Bel, esvaecendo as fronteiras entre arte e interpretación, entre performance e arquivo.
Combinando documentación audiovisual de danza, monólogo e recreación en directo, esta proposta inesperada é ao mesmo tempo un percorrido por unha obra xa histórica e un constante exercicio de reinvención.
Jérôme Bel estreouse en Galicia e en galego no Convento de Santa Clara, como parte da programación de NAS MARXES: I Bienal de Arte Vivas de Pontevedra.
Posteriormente, activouse de novo na Igrexa da Madalena de Ribadavia, enmarcada na 42 MIT: Mostra Internacional de Teatro.






















