Doorkijkje. 7 miradas para 12 puntos de vista

Acción
Vestiario: Silvia Penas
105 minutos aprox.
2020
Doorkijkje: mirar a través da porta

Doorkijkje. 7 miradas para 12 puntos de vista é unha performance creada arredor da mostra “Pongo mi pie desnudo en el umbral” de Christian García Bello na Fundación DIDAC, incluída dentro da programación do Festival de artes performativas PLATAFORMA.

Doorkijkje. 7 miradas para 12 puntos de vista é unha peza na que o corpo, cos seus xestos e movementos, a súa sonoridade, as súas accións e o cromatismo do seu vestiario, instálase no dispositivo plástico da exposición coma unha obra máis.
Estruturada en 7 partes, en referencia ás horas canónicas -división temporal empregada na Idade Media nas rexións cristiás de Europa seguindo o ritmo dos rezos relixiosos dos mosteiros-, a obra comeza co pé espido no limiar da porta que protagoniza a mostra e desenvólvese en bucle ao longo de case dúas horas. Durante ese tempo sucédense unha serie de rutinas diarias que van conformando unha cartografía moi concreta sobre o chan, debuxada a cada paso que se dá, ao irse desfacendo as pedras de resina vendadas ás plantas dos pés. A ritualidade e o doméstico confúndese nas accións de machucar, afiar, orar, ollar, trenzar o cabelo… que debullan asuntos materiais e formais relacionados coas pezas expostas así como problemáticas tiradas do relato que acompaña a exposición: a peregrinaxe, o castigo, a espiritualidade, a sexualidade feminina, a paisaxe, a posta en valor da lingua vernácula, o acto resistente da parada ou a memoria xestual.
Doorkijkje. 7 miradas para 12 puntos de vista é, á fin, o camiñar incesante dunha Dirse que se ofrece só fragmentariamente ás miradas alleas de 12 persoas distribuídas en puntos diferentes do espazo.

Documentación: Manuel González Vicente + Ángel Sousa