Límites Manifesta

Acción multidisciplinar
Creación: Límites
Performers: Andrea Jano, Chucho González, Diego M. Buceta, María Roja, Míriam Rodríguez, Olsen Manuel Lima, Silvia Penas, Velpister, Xabier Xardón, Wladimir Vaz, Keens Vereeniging, Waste Generation
40 minutos aprox.
2020
A pandemia botou a última pa de terra sobre o século. Hoxe morremos e vivimos noutro tempo — os nosos corpos contaxian. Atravesadas polo xénero, pola clase e pola raza —de cada molde un rastro de monstros— deambulamos, imos indo,transcorremos. Imos sendo sen mirar atrás porque nada falta. Bikini, topless, bañador (es o que ves), máscara, pantalla de metacrilato, mans embriagadas de alcol e o don da ubicuidade en liña wifi — do corpo virtual ao corpo que segue resistindo e coexistindo com aquilo que infecta— corpo-ciborg, batería de litio, tratamento paliativo pró excedente de impotencia e man de obra. Os pelos, as uñas, as manchas, o olor, a procedencia, os orificios — preguntamos: como será agora o corpo deste tempo? Se o século nos deu an american movie star durmindo apenas con Chanel nº5; se nos entregamos aos perfumes do gardado, do mofo e da naftalina, do que se custodia en recipientes fastuosos: como esquecer que só a precariedade cheira a vida? E aquí nós, corpos nun pequeno país, unha pequena cidade, un pequeno piso, unha cama estreita, habitando o íntimo, confinados coa pantasma do que nunca demos sido. Que xurda o que non ten nome nin collerá nun nome. Que os nosos corpos sexan lidos como manifestos, e que a fronteira que nos separa do/a outro/a se transforme en paraíso delirante, desexante. «que saibamos transformar as nosas vulnerabilidades en furia, os nosos cortes en atallos».

Límites Manifesta é unha peza na que a videocreación experimental dialoga cunha presenza escénica tomada pola música, a poesía, a danza e a performance, co fin de reflexionar sobre o concepto do corpo e o seu novo significado tras a pandemia do COVID19.

Límites Manifesta é o manifesto encarnado do colectivo Límites.

Límites Manifesta estreouse no Teatro Municipal de Tui (Pontevedra) dentro da programación do Play-Doc Festival.

Documentación: Tamara de la Fuente + Pablo Nunes + Míriam Rodríguez + Límites